Wednesday 15 de May de 2024

Aitor Bouza na sinatura do acordo das contas municipais: “son uns orzamentos sociais e progresistas”


O secretario xeral dos socialistas reivindica o acordo como unha mostra de “política útil”: “a oposición ten que servir para o que serve a política: construír, debater, chegar a puntos de encontro e facilitar a vida das persoas”

Inclúese o incremento da aportación ao Servizo de Axuda no Fogar, as reurbanización das rúas García Lorca, Ponte da Raíña e Mallou e actuacións nos polideportivos de Vite e Santa Isabel, así como no campos do Fátima e Villestro.

“Hoxe é un bo día para Compostela porque por fin temos un instrumento para facer realidade as demandas sociais” expuxo o secretario xeral dos socialistas na firma do acordo para a aprobación do orzamento municipal para o 2024. Unhas contas que superan os 141 millóns de euros e que inclúen o incremento da aportación ao Servizo de Axuda no Fogar, actuacións de mantemento dos barrios e parroquias e en diferentes equipamentos deportivos: “son uns orzamentos sociais e progresistas, que foi tamén o mandato que saíu das urnas”.

Aitor Bouza destacou o bo talante negociador das tres forzas políticas nas diferentes conversas que precederon a firma do acordo, así como o compoñente social das contas para o 2024 que defenden “os servizos públicos e de calidade dentro da nosa cidade”. Apelando á responsabilidade para “impedir o bloqueo de proxectos que foron iniciados no propio goberno socialista”.

“A oposición ten que servir para o que serve a política: construír, debater, chegar a puntos de encontro e facilitar a vida das persoas” expresou o líder dos socialistas que afeoulle ademais ao Partido Popular de Borja Verea o seu modelo de oposición “baseado en defender os intereses do propio Verea, do Partido Popular e, ás veces, do señor Feijóo, pero da cidade nada de nada”.

Mantemento de equipamentos municipais e transformación urbana

No acordo asinado este venres polo PSOE co goberno local, inclúense as partidas para darlle continuidade aos proxectos iniciados no goberno socialista como o Anel Verde, a reurbanización de García Lorca en Pontepedriña ou as remodelacións dos polideportivos de Vite e Santa Isabel.

Ademais inclúense as reurbanizacións da rúa Carlos Maside (Vite) e de Santiago de Chile, en pleno Ensanche. Tamén en materia deportiva engádense actuacións no campo de fútbol de Villestro e no Fátima, así como a continuidade do Plan Director de rehabilitación do estadio de San Lázaro.

“Nós apoiamos estes orzamentos para ser un partido útil para a nosa cidade, logo de conseguir plasmar nas contas as demandas que nos trasladaron desde o tecido social, as entidades e os clubs da nosa cidade” explicou o secretario xeral do PSdeG en Santiago.